Interpretación remota… non é como falar pero de lonxe?
En parte si, aínda que non sempre é o intérprete o que se atopa na distancia… Hai congresos nos que temos unha cabina de interpretación na sala e a interpretación desa cabina ou evento sae por steaming ou ocorre que o evento se celebra presencialmente e por Zoom (ou outra plataforma) ao tempo, volvéndose así híbrido e chegando ás audiencias que non poden acudir en persoa.
Nós fornecemos servizos de interpretación simultánea remota, a través de diferentes plataformas (Zoom, Teams, Webex, Interactio, Interprefy, etc.) e podemos sacar as canles de idiomas en streaming a través de Facebook Live e Youtube se así o precisan. Contamos coas licenzas necesarias, temos os mellores técnicos e moderadores e facilitamos este servizo a pemes, grandes grupos empresariais ou a institucións autonómicas e estatais.
Somos moi meticulosos cando expomos un servizo en remoto xa que resulta moi necesario. Non todo o audio que chega dun relator remoto é válido para ser interpretado: un intérprete ten que seguir falando mentres escoita o que se di, polo que un son de mala calidade dana o oído do profesional e provoca interrupcións xa que o intérprete vese obrigado a calar para poder chegar a entender o que se está a dicir. Outra cousa é ser ouvinte, porque mesmo reparando na baixa calidade do audio, é posíbel seguilo da mesma forma que podemos escoitar a outras persoas pola rúa mentres os ruídos ambientais e do tráfico interferen na recepción da mensaxe.
Para a interpretación remota, a distancia ou en remoto facemos probas cos organizadores de eventos e cos relatores, analizamos a calidade do audio, enviamos un simple micrófono de lapela se o precisaren e axudamos con toda a configuración das plataformas e a moderación se for o caso. Grazas a este servizo, cubrimos cursos de formación, formacións para homologacións ou habilitacións profesionais, comités de empresa, conferencias, seminarios, simposios e presentacións empresariais. Pregúntenos e explicarémoslle o que podemos facer por vostede.