Saltar al contenido

Xestión de proxectos? Seica iso non era recibir e enviar traducións.


Imaxe da distribución do traballo en Tradurrutia- Tradurrutia

É unha boa forma de resumilo ou expandir esta tarefa, pero fica moi lonxe desta definición… Si que hai individuos e axencias que son meros couriers de emails e por tanto a súa intermediación limítase ao reenvío de correos —a nosa axencia fai algo máis que iso.

Xestionar proxectos implica competencias analíticas nun primeiro momento para analizar a petición do cliente, os materiais de traballo e así poder proporcionar asesoramento e chegar á cotización adecuada para o proxecto en cernes.

Así que comezamos por abrir ben os ouvidos e escoitar o que o cliente cre precisar, para así referendalo ou ben para aconsellar outro servizo, alternativa ou unha vía máis eficiente ou barata para a cliente.

En caso de aceptar os nosos consellos e o orzamento, comezamos por preparar os arquivos de traballo —xa que en moitos casos non valen tal e como veñen do cliente—, con axuda das nosas ferramentas informáticas; aínda que moitos non o saiban, os PDF non son arquivos de traballo, senón de referencia visual para tradutores e revisores.

Pois unha vez que temos os materiais de traballo preparados, pasados polas nosas memorias de tradución, con cadeas de texto bloqueadas alí onde hai que manter textos do orixinal, crear un manual de estilo, dar indicacións segundo as instrucións do cliente, etc. podemos seleccionar a mellor combinación posible entre tradutora e revisora, ademais de engadir outros membros ao equipo como editor, maquetador, informático ou outro profesional que for necesario.

Durante o desenvolvemento do proxecto, mantemos unha comunicación fluída co tradutor e revisor, apoiando as súas eleccións, facendo un seguimento das entregas e os avances do proxecto, ocupándonos da administración e as súas ordes de traballo, poñendo en comunicación aos diferentes intervenientes… ata recibir os materiais de volta e realizar nosa parte do traballo como xestores de proxectos.

Antes da entrega ao cliente, os materiais traducidos e revisados deben ser descompilados, devoltos ao seu formato de orixe, comprobados a través dun proceso de control de calidade e empaquetados para a súa entrega ao cliente no prazo establecido.

Pois isto é só un resumo das tarefas básicas de xestión de proxectos, porque logo vén o “servizo posvenda”, tratar con clientes e intermediarios, con peticións que non se fixeron no momento debido (ao comezo do proxecto), con queixas sobre aspectos que saen do seu rango de competencia, con cambios que podemos acomodar para ofrecer un valor engadido ao cliente sen custos adicionais etc. Somos moito máis que meros mensaxeiros…